miércoles, 24 de julio de 2013

Intervención acto 18 de xullo



A Plataforma pola defensa do IES As Mercedes,aproveitamos este foro para reiterar, unha vez máis, a nosa defensa dun ensino público de calidade e a vez denunciar a perda de inversións no ensino público aquí en Lugo.



Porque, recorte tras recorte, todo isto e moito mais, estase a producir en Lugo, levándonos a peor que hai corenta anos:

-non terán dereito a un ensino público e de calidade aqueles que non poidan pagar;

-non terán un ensino público de calidade aqueles que perden o dereito a un ensino individualizado;

-e perderemos bos profesionais para o futuro do país  porque estarán abocados a pasar desapercibidos nunhas aulas masificadas.



Isto acontece de múltiples maneiras:

- acontece ca perda  continuada de profesorado;

- co aumento de alumnos por aulas;

- coa perda de recursos para o ensino integrador,

- co desmantelamento do ensino rural,

- coa falta de medios para o alumnado con menos recursos económicos,

- coa falta de inversión no Sagrado Corazón que actualmente está a recibir clases nun edificio de prestado que non reúne as mínimas condicións para ser centro escolar,

- acontece co peche, en menos de dous anos, de dous Institutos Públicos de Ensino Secundario, primeiro o Politécnico e agora As Mercedes, coa agravante neste último caso de ser o único Instituto Público de Ensino Medio do Sur da cidade, unha zona cun importante e continuado crecemento demográfico en idades escolares, e, ademais, un Instituto cun proxecto integrador entre os distintos niveis do ensino que ten demostrado que a convivencia entre a FP e as ensinanzas da ESO e BAC, lonxe de seren un estorbo mutuo, ten sido, ben ao contrario, mutuamente fortalecedora. Aí están os premios e os recoñecementos logrados pola FP; aí están o equipamento e dotacións en recursos didácticos de aulas e laboratorios da ESO E BAC: os que, dende a Delegación Territorial axudaron a pechalo, poden comprobar hoxe (se son persoas humanamente decentes) que, -grazas ao esforzo do equipo directivo, de profesores, de alumnos e de toda a comunidade educativa-, os recursos económicos do Centro, a pesar de máis escasos, teñen sido eficientemente utilizados.



Non nos poden dicir dende a Consellería de Educación que hai un aumento das partidas para o ensino público,

-         cando vemos que cada pouco pechan unidades ou cerran centros públicos,

-         cando merman as axudas de libros ou hai que pagar os comedores,

-         cando anulan servizos básicos como  o transporte,

-         ou cando as becas se restrinxen cada vez mais.

Se todo isto vai a menos e as familias cada vez teñen que pagar mais para estudar aos seus fillos ¿ onde esta o incremento dos orzamentos para o ensino público? ¿ou e que o gasto non recae onde debería?



O ensino non é un gasto para a sociedade; o ensino é investimento para o futuro dunha sociedade máis xusta e que aspira á desaparición das desigualdades. O ensino é investimento para sermos unha sociedade non de man de obra barata, senón que pón os medios para que o país medre no mundo da investigación e con emprendedores ben formados.



Por todo isto, tédeo ben claro, esta Plataforma, ao reclamarmos o IES AS MERCEDES, ao reclamarmos un Instituto de Ensino Público na zona Sur de Lugo, tamén estamos a defender os dereitos da sociedade lucense para recibir un ensino público, gratuíto e de calidade.

Nesta loita seguimos: O IES AS MERCEDES NON DI ADEUS.


No hay comentarios:

Publicar un comentario