martes, 4 de junio de 2013

Discurso de Paco Martín



Boa tarde, Amigas e Amigos
Apenas hai media hora que saiamos  do patio do Instituto de Ensino Secundario As Mercedes para traer ata aquí, ata este edificio da Xunta de Galicia,  toda a nosa indignación.

Todas e todos temos hoxe moitos motivos para estar indignadas e indignados:
 postos de traballo que se destrúen;
 salarios que baixan,
dereitos laborais que deixan de ser,
 impostos que soben,
pensións que se volven esmola,
xubilacións que se aprazan ata despois da vida,
servizos públicos básicos que se converten en negocio privado,
 inversións públicas que xa non hai, etc, etc..…
 e todo isto mentres se segue consentindo, cando non alimentando, a corrupción, o despilfarro e o fraude fiscal;
todo isto para salvar a unha banca sen escrúpulos en roubarlle á nosa xente os aforros de toda unha vida.

Todas e todos temos moitos motivos para estar indignadas e indignados.
Pero hoxe traemos aquí a indignación de toda a cidade de LUGO pola supresión, sen explicación nin argumento algún, dun novo Instituto Público de Ensino Medio, o segundo en dous anos: a supresión do IES AS MERCEDES.

Traemos aquí a indignación de toda unha comunidade educativa que tivo que enterarse desta decisión da Consellería de Educación a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e isto a pesares de apenas había un mes que o Sr. Conselleiro de Educación visitaba o Centro para  colmar de parabéns ao IES As Mercedes polo su último premio á eficiencia enerxética.

Traemos aquí a indignación duns traballadores do ensino que, a  pesares dos recortes salariais e a pesares do incremento de carga lectiva que se lles impuxo, seguiron pondo toda a súa sensibilidade e ilusión, toda a súa ciencia e o seu tempo, en procurar a mellor atención aos seus alumnos e os mellores medios e condicións para un ensino de calidade:
unha decisión deste tipo, que se toma sen contar cos traballadores afectados e, por riba, sen previsión algunha sobre a súa nova situación laboral e administrativa, constitúe, fora ou non acertada tal decisión, unha absoluta indignidade,
e quenquera que teña sido o responsábel de tal decisión non merece continuar por máis tempo nun cargo público.

Traemos aquí a indignación duns alumnos e alumnas que xa, dende o propio texto do  Decreto de supresión do IES As Mercedes, son convertidos en simple mobiliario co que encher ocos e espazos e acabar masificando, aínda máis, as aulas dos demais  IES da cidade:
que un alumno de 12-16 anos poda acabar convertido, por Decreto, nun simple número da ciencia estatística, SEN NOME E SEN CARA;
sen que nada importen as súas relacións de afectividade co seu grupo, co seu centro e/ou a súa comunidade educativa;
sen que nada importe a influencia destas relacións de afectividade na súa actitude e no seu rendemento escolar, constitúe outra absoluta indignidade;
E quenqueira que teña sido o responsable ou asesor de tal decisión non debería seguir tendo cargo algún relacionado coa educación dos nosos fillos.

Traemos aquí a indignación dunhas nais e pais que tiveron que soportar a falta de planificación, a falta de previsión e a falta, en fín, de sensibilidade dunha Administración Educativa que ven a tratar aos seus fillos e fillas da mesma forma que se trata a unhas mesas que poden deixarse apiladas nas aulas de calquera outro Centro da cidade:
-que ao día seguinte do anuncio do Decreto, nin na Xefatura Territorial de Educación, nin na Inspección Educativa soubesen nada concreto sobre o número de prazas que ían ter dispoñíbeis os alumnos e alumnas de ESO e BAC que terían que ser desprazados, constitúe outra absoluta indignidade;
E quenqueira que teña sido responsable ou teña colaborado nunha decisión así non debería continuar por máis tempo en cargo algún relacionado coa educación.

Traemos aquí a indignación de toda a cidade de Lugo, de todo o seu movemento veciñal e social,  por esta supresión do IES AS MERCEDES, -o segundo Instituto Público de Ensino Medio que se perde en dous anos-, que non só se fai, como queda dito, sen planificación algunha, senón ademais sen contar para elo con estudo algún sobre as necesidades educativas da zona e da cidade de Lugo en xeral.

Se a administración nunca pode ser arbitraria, moito menos o pode ser cando se afecta a servizos públicos básicos como a sanidade e a educación;

Se a administración nunca pode ser arbitraria, moito menos o pode ser cando se trata de suprimir un Centro de ensino público, cando se trata de suprimir un novo Instituto Público de Ensino Medio.

Unha decisión deste tipo debería ter empezado por estudar as necesidades educativas de toda esta zona Sur de Lugo, tanto no que se refire aos ámbitos da ESO e BAC, como no que se refire á Formación Profesional en todos os seus aspectos –regrada e ocupacional-  e tamén no que se refire á infantil e primaria.

E a pouco que se houbera interesado, a Dirección Xeral de Educación e Formación Profesional tería constatado que o Instituto de Ensino Secundario As Mercedes está ubicado nunha zona de continuado crecemento demográfico (e con previsións seguras de seguir medrando) e cunha poboación escolar tamén en rápido crecemento.

A pouco que se houbera interesado, tería constatado que o entorno do IES AS MERCEDES, -a maiores de contar co CEIP de O Corgo, como centro adscrito, cunha poboación escolar estabilizada-, conta cun CEIP As Mercedes xa totalmente saturado  e conta cun CEIP Illa Verde que hai dous anos necesitou ser ampliado en aulas e espazos para acoller toda a súa demanda educativa e esta necesitando xa dunha nova ampliación;  

E aínda máis.., a pouco que se houbera interesado a Dirección Xeral de Educación e Formación Profesional, podería ter comprobado que hai no entorno do IES As Mercedes dous centros de ensino privado, con niveis da ESO subvencionados con fondos públicos en base a que a rede pública de Centros non tería capacidade para atender a toda esa poboación escolar.
Poden dende a Dirección Xeral e dende a Xefatura Territorial de Educación que se teñen estudado tais necesidades educativas e tamén que se estudou a oferta existente. Mais os feitos, os traspés administrativos a resultas da publicación do Decreto de supresión do IES AS MERCEDES,  demostran o contrario:
Dende logo, se tal estudo está feito, compre que a Consellería tome nota de quen o fixo, polo menos, para non facerlle máis encargos deste tipo. ´
Traemos aquí a indignación de toda unha cidade que non pode entender que coa escusa de ampliar a oferta educativa da Formación Profesional se teña que suprimir un novo Instituto de Ensino Medio, sen sequera antes estudar outras alternativas.
Cunha taxa de paro do 22% en Galiza resulta evidente que a oferta educativa na Formación Profesional, tanto regrada como ocupacional, ten que ser ampliada e mellorada. Mais ningunha ampliación e mellora da FP pode resultar incompatible cos niveis da ESO e BAC.
 E na zona Sur de Lugo hai unha demanda nos niveis da ESO e BAC que é de xustiza cubrir con garantías dunha mínima calidade. E, dende logo, resulta pouco crible pretender poñer en valor a Formación Profesional ou falar dunha formación ocupacional cada vez máis esixente mentres se desmantela e degrada por masificación ao ensino da ESO e BAC que precisamente dan acceso aos ciclos medio e superior da Formación Profesional.
Non se nega a necesidade de ampliar a oferta educativa na Formación profesional, tanto regrada como ocupacional. Mais non pode ser incompatible coa continuidade da ESO e o BAC nin tampouco coa súa calidade. É necesario estudar outras alternativas.
Pero ten feito a Consellería tal estudo?
Ten estudado, de verdade, todas as alternativas?
Esta xa esgotada, por exempro, a capacidade do Politécnico para dar cabida a novas demandas?
 Sabe a Xunta de Galicia que, a menos de 300 m do IES As Mercedes, dispón a Consellería de Traballo dun centro de formación profesional ocupacional recentemente ampliado e renovado, perfectamente dotado e instalacións e equipamentos, e que está máis que infrautilizado?
Que razóns pode haber en tal estudo para que esta oferta de Formación Profesional teña que resultar incompatible coa continuidade da ESO e BAC no IES AS MERCEDES?
É un problema de espazos?
Dende logo que en absoluto. Que razóns hai, se non, para que, coas obras que a Consellería de Educación tiña comprometido realizar, non se deseñen as novas instalacións para dar cabida a toda esa nova demanda de FP e tamén á demanda de ESO e BAC?
É un problema de calidade?
Que niveis de excelencia se queren, entón, para a Formación Profesional que non poda acadarse nos ciclos impartidos nos actuais IES? Por suposto que ningún. E ao IES As Mercedes así se lle ten reiteradamente recoñecido pola propia Consellería de Educación, a última apenas un mes antes do Decreto, con motivo do premio Schneider á eficiencia enerxética.
E un problema de legalidade en relación coas ensinanzas da formación ocupacional?
Dende logo que tampouco. Sabe ben a Consellería de Educación que tamén nos IES  se realizan e se teñen realizado cursos de formación ocupacional, tanto orientados a certificación de competencias, como orientados a formación para o posto de traballo.

En fin, nin un estudo nin outro:
 Nin un estudo sobre a demanda educativa nin tampouco un estudo sobre as alternativas coas que atender dita demanda.
Hai, pois, motivos para a indignación;
Para a indignación da Comunidade Educativa;
E para a indignación de toda a cidade.

Pero, a dous meses da publicación do Decreto, a dous meses de ter solicitada unha entrevista co Sr. Conselleiro de Educación, traemos hoxe aquí unha indignación máis:
-como votantes que cada catro anos cumprimos co noso dereito a votar e como cidadáns que cos nosos impostos pagamos o salario e todos os gastos de representación dos parlamentarios electos, temos que engadir hoxe a indignación de sabermos do escaso respecto e o escaso valor que lle outorga ao noso voto esta democracia que se practica dende o goberno da Xunta;
-a indignación de sabermos que o noso voto non vale para esixir que o Sr. Conselleiro de Educación teña a ben dispoñer nin de media do seu tempo para recibir a esta plataforma veciñal;
-a indignación de sabermos que o noso voto non serve sequera para esixir que o Sr. Conselleiro de Educación teña que estar presente no Parlamento de Galicia para o que foi electo cando nel se debate un tema de Educación como o da supresión dun Instituto de Ensino Público.

Traemos ata aquí a indignación de todas e todos nós a indignación pola supresión do IES As MERCEDES,
Pero traemos tamén a esperanza;
A esperanza que simbolizamos nesta marea de panos verdes;
A esperanza de sabermos que temos a razón que non ten a Consellería de Educación;
A esperanza de sabermos que contamos coa maioría da poboación da cidade de Lugo;
A esperanza de sabermos que contamos co apoio do Pleno da Corporación Municipal do Concello de Lugo que, por dúas veces, co voto da maioría, ten apoiado a solicitude de suspensión do Decreto entre tanto se realiza ese estudo sobre as necesidades educativas que tiña que ser previo;
A esperanza de sabermos que contamos co apoio do Pleno da Deputación Provincial de Lugo, que, tamén por maioría, ten votado a favor desta reivindicación;
A esperanza de sabermos que contamos co apoio unánime dos grupos do BNG, de AGE e do PSOE no Parlamento de Galicia;
Con toda esperanza de sabermos que contamos co apoio da maioría da poboación de Lugo (representada aquí por todas as organizacións sindicais do ensino e por todas as asociacións do movemento veciñal,  e tamén, por esas máis de 10.000 sinaturas recabadas na cidade de Lugo en apoio da continuidade da ESO e BAC no IES AS MERCEDES), dende esta Plataforma cidadá, apelamos de novo á Consellería de Educación a que se faga  ese estudo exhaustivo e serio sobre as necesidades educativas da Zona Sur de Lugo (que, volvémolo a repetir, tiña que ser previo)  e a que, entre tanto,  se suspenda a aplicación do Decreto: gañaría a Consellería de Educación, gañaría a cidade de Lugo, gañaríamos todos.

E con esta mesma esperanza, unha vez admitido a trámite polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza o recurso contencioso administrativo en contra do Decreto de supresión do IES As Mercedes, apelamos tamén á Administración de Xustiza a que, en cumprimento da legalidade vixente e defensa dos dereitos cidadáns que ten a obriga de defender, non permita esta nova arbitrariedade da Consellería de Educación.

Amigas e amigos, 
A AMPLIACIÓN DA OFERTA EDUCATIVA NA FORMACIÓN PROFESIONAL NON PODE SER ESCUSA PARA SUPRIMIR UN INSTITUTO DE ENSINO MEDIO;

Amigas e amigos,
NA ZONA SUR DE LUGO NECESITAMOS DA FP, PERO TAMÉN DA ESO E BAC
NA ZONA SUR DE LUGO NECESITAMOS DO NOSO IES

E QUE SAIBA A CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN SE É QUE NON SABE OU NON TEN O VALOR DE RECTIFICAR,
QUE SAIBA O GOBERNO DA XUNTA QUE MAIS ALA DO QUE PODA PASAR NESTE FINAL DE CURSO,  
QUE MAIS ALA DO QUE PODA SUCEDER NO INICIO DO PROXIMO CURSO ESCOLAR,
ESTA PLATAFORMA CIDADÁ ASUME HOXE COMPROMISO DE MANTER A REIVINDICACIÓN ATA VOLVERMOS A RECUPERAR ESTE INSTITUTO DE ENSINO MEDIO
ATA VOLVERMOS A TER NOSO INSTITUTO NESE MESMO SOLAR QUE ANTES FOI CUARTEL DE CABALERÍA E QUE, DENDE MOITO ANTES, TODOS COÑECEMOS COMO AS PEDREIRAS.

Amigas e amigos,
O IES AS MERCEDES NON DI ADEUS….VOLVEREMOS.

No hay comentarios:

Publicar un comentario